O arcebispo emérito Rouco Varela, estrela invitada na Semana Santa pontevedresa
Por Redacción
O cardeal Antonio María Rouco Varela, arcebispo emérito de Madrid e home marcado pola polémica pola súa residencia no palacio arcebispal e despois nun ático de luxo na rúa Bailén, propiedade da Igrexa, será a estrela convidada nos actos de inicio da Semana Santa de Pontevedra.
O ático onde reside estaba valorado en 2015 nunha cifra de 1,7 millóns de euros e foi sometido a unha reforma de aproximadamente 370.000 euros. Esta polémica provocou que organizacións cristiás mostrasen o seu malestar por uns gastos tan elevados para un representante da Igrexa.
Rouco Varela foi convidado pola Xunta Coordinadora da Semana Santa pontevedresa para dar lectura ao tradicional pregón o luns 26 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra. O arcebispo emérito aceptou "gustosamente" a invitación e desde a organización atendendo á "importancia do conferenciante" espérase a máxima asistencia de público a este acto de libre acceso.
O cardeal de 82 anos de idade é natural de Vilalba (Lugo) e, tras desenvolver os seus estudos sacerdotais no Seminario de Mondoñedo, continuou os seus estudos en Teoloxía na Universidade Pontifica de Salamanca onde se ordenaba como sacerdote en 1959. Pablo VI proclamouno en 1976 bispo auxiliar de Santiago de Compostela e, meses máis tarde, xa era consagrado como bispo. En 1984, Xoán Paulo II nomeouno arcebispo da sede compostelá sucedendo ao cardeal Suquía. En 1994 foi promovido a arcebispo de Madrid. Catro anos máis tarde convertíase en cardeal recibindo o capelo cardinalicio de mans de Xoán Paulo II.
En 2014, o Papa Francisco admitía a súa renuncia á diocese de Madrid atendendo á súa avanzada idade. Desde entón exerce como arcebispo emérito.