Protección Civil estreará unha pick-up en Cerdedo-Cotobade e unha embarcación en Marín
Por Redacción
Dez concellos de toda Galicia recibiron este luns novos medios para as súas respectivas agrupacións de Protección Civil. Entre eles, estaban Cerdedo-Cotobade e Marín.
O material, que foi entregado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, consistiu nun todoterreo pick-up para Cerdedo-Cotobade e unha embarcación pneumática para Marín.
Ao acto de entrega, que se celebrou no concello coruñés de Pontedeume, acudiron os alcaldes de ambos municipios pontevedreses, Jorge Cubela e María Ramallo respectivamente.
O novo vehículo para Cerdedo-Cotobade está dotado con todos os materiais técnicos precisos para a atención rápida das emerxencias. Será utilizado nos operativos de Protección Civil no termo municipal, que están a incrementarse paulatinamente para atender as incidencias e todos os actos sociais de alta asistencia e a unha poboación superior ás 6.000 persoas.
Pola súa banda, a embarcación pneumática de Marín ten 5 metros de eslora e remolque. Permitirá ofrecer un mellor servizo de atención ás emerxencias neste concello pontevedrés tan vencellado co mar.
Esta entrega dá continuación, segundo a Xunta, ao camiño iniciado nos últimos anos de dotar de máis material e equipamento de emerxencias ás agrupacións de Protección Civil de toda Galicia. Isto traduciuse nun investimento que supera os 460.000 euros.