Posta a punto do viveiro de Pazos e Rebordelo, en Ponte Caldelas
Por Redacción
O viveiro de Pazos e Rebordelo, en Ponte Caldelas, está a ser obxecto dunha completa actuación de mellora para garantir a súa conservación e mantemento. O Concello puxo en marcha nos últimos días traballos de limpeza, drenaxe do terreo, acondicionamento dos camiños, reparación dun muro de contención e da presa de rego, así como das gavias e canles de condución.
A actuación forma parte dunha aposta do goberno local de Ponte Caldelas pola conservación dun lugar dun alto valor paisaxístico e natural. Ademais, é utilizado aínda por moitos veciños como lugar de lecer durante as fins de semana, aínda que dende a prohibición das barbacoas ao aire libre a afluencia ten mermado notablemente.
En concreto, o Concello acometeu unha limpeza de toda a maleza para deixar todo o espazo en perfecto estado de revista de cara á primavera e o verán. O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos de mantemento e reparación e anunciou que no futuro planea un rareo e corta das polas mortas para tirar todo o partido da beleza dun dos antigos viveiros forestais do pasado século máis esplendorosos de Galicia.
Díaz manifestou o orgullo que supón para Ponte Caldelas contar cun espazo destas características que, "sen dúbida, é froito dunha política forestal, a de 100 anos atrás, moito máis sensible e planificada que a actual, que consiste na eucaliptización salvaxe de todos os montes galegos e no abandono da xestión forestal e da prevención como ferramenta para loitar contra o lume".
O viveiro, situado a medias entre Pazos e Rebordelo, conta cunha plantación de cedros realmente notable, así como algunhas outras especies como falsos loureiros e tuias. Moitos dos exemplares teñen xa un século de vida. O espazo salvouse repetidamente das últimas vagas de lumes dos anos 2006 e 2013. Na súa contorna apréciase agora o impacto sobre os eucaliptos e piñeiros dos incendios do pasado mes de outubro, mentres que as súas árbores centenarias salváronse sempre do desastre.
A zona xa foi acondicionada en 2015 despois de anos de abandono.