Un de cada cinco veciños de Ponte Caldelas xa está conectado co Concello a través do TokApp
Por Redacción
Dous anos despois de que o Concello de Ponte Caldelas apostara por cambiar o seu xeito habitual de comunicarse cos veciños a través de SMS pola aplicación de mensaxería instantánea TokApp, a canle institucional creada ten xa máis de mil usuarios, o que implica que as comunicacións oficiais e novidades do Concello xa chegan directamente a un millar de veciños a través deste método.
Segundo a información facilitada polo Concello a través dun comunicado, durante o ano pasado, o TokApp de Ponte Caldelas difundiu 182 mensaxes cun alcance de 48.161 destinatarios alcanzados.
Superado o millar de usuarios e con esas cifras de alcance da aplicación, o Concello inicia unha campaña para incrementar a penetración do sistema co obxectivo de que a práctica totalidade da veciñanza con ordenador, tableta ou teléfono móbil se una a este xeito áxil e rápido de recibir informacións e avisos.
A implantación da aplicación supón que máis dunha quinta parte da poboación do municipio xa está conectada, pois a súa utilización está reservada a maiores de 16 anos empadroados. O único requisito é baixar a aplicación e presentar unha solicitude de alta no sistema no propio Concello ou na Casa da Cultura, asinando o formulario de protección de datos.
O goberno local está moi satisfeito destes resultados e destaca que forma parte da súa aposta por unha administración transparente, aberta e que ofrece información constante á veciñanza a través de distintas canles dixitais e analóxicas.
O alcalde, Andrés Díaz, explica que o goberno local chega a todos os segmentos de poboación combinando os paneis de avisos que se están a instalar polas parroquias e a cartelería tradicional con este sistema aberto a toda á veciñanza, ademais dos grupos de WhatsApp destinados a colectivos específicos e para contidos concretos. Ademais, apostan por un uso intensivo das redes sociais.
O sistema de TokApp permite enviar mensaxes sen límite de caracteres, incluíndo todo tipo de arquivos adxuntos, e supuxo un aforro ás arcas municipais, pasando de máis de 2.000 euros anuais a só 600 euros con tarifa plana.