O BNG pedirá en pleno que Marín elabore un plan especial deprotección para o casco antigo
Por Redacción
O BNG demanda ao goberno local de Marín a elaboración do plan de protección do casco antigo da localidade, unha acción que é preceptiva despois da aprobación do PXOM. Lembra que mentres non se aprobe, a Dirección Xeral de Patrimonio é o único organismo que pode establecer que tipo de intervencións se poden realizar na zona.
Os nacionalistas levarán ao pleno da corporación previsto para este martes 13 de febreiro unha moción na que chama a atención sobre o feito de que a falta deste plan provoca que calquera licenza de obra dentro da zona antiga e o seu ámbito de protección teña que ser remitida a Patrimonio para o preceptivo informe. Isto na práctica está a provocar esperas e retrasos de máis dun ano por parte dos solicitantes, por moi pequena que sexa a obra solicitada.
Na práctica, a falta desta norma, afecta directamente á degradación do casco antigo de Marín e a actividade comercial. Ao respecto, o BNG asegura que a lentitude nas licenzas no Concello de Marín desanima aos promotores e emprendedores, que optan por outros concellos onde non existen tantas pegas para abrir o seu negocio.
Os nacionalistas indican que no caso antigo hai cada vez máis casas baleiras e abrir un novo negocio supón unha carreira de obstáculos que desanima á maioría.
Ter un plan especial redactado e aprobado pola Xunta implicará que o Concello queda habilitado para tramitar practicamente todas as licenzas solicitadas neste ámbito. Só terían que ser enviadas a Patrimonio aquelas que afectasen a Bens de Interese Cultural, tal e como sucede noutros concellos como Pontevedra ou Cambados, onde unha comisión municipal constituída por técnicos do Concello e da Xunta analizan os expedientes e autorizan as intervencións sen que a documentación se teña que remitir a Patrimonio, de modo que se axilizan os trámites.