Unha modificación urbanística permite avanzar na creación dun aparcadoiro de 55 prazas en A Chan
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de activar unha modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento municipal de Cotobade para poder levar adiante o proxecto de construcción dun aparcadoiro público en superficie dotado con 55 prazas no núcleo da Chan.
Trátase dunha tramitación administrativa xa aprobada no pleno de Cerdedo-Cotobade e que conta co informe favorable da Xunta de Galicia. A modificación afronta agora a súa recta final, tras todos os traballos previos de carácter técnico acometidos nos últimos meses, xa que acaba de abrirse a súa fase de exposición pública por espazo de dous meses. Estará aberta ata o vindeiro 10 de abril e a modificación podería aprobarse definitivamente durante a primavera.
O aparcadoiro ubicarase na parcela situado fronte ao consistorio e o centro de saúde de Carballedo e permitirá activar o ambicioso proxecto de humanización da capital municipal orzamentado en 607.000 euros e que será cofinanciado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Deputación de Pontevedra.
A administración local pagará os terreos e o 30% da obra e a institución provincial o 70% restante como resultado dun convenio que está previsto que se asine nas vindeiras semanas tras o encauzamento desta modificación puntual urbanística.
O presidente municipal, Jorge Cubela, e o teniente de alcalde, Fernando Vázquez, visitaron esta semana os terreos afectados para supervisar certas cuestións técnicas en torno ao proxecto. Ao remate da visita, Cubela amosou a súa satisfacción pola chegada á fase final da tramitación administrativa, "xa que en moi pouco tempo poderemos contar cun importante aparcadoiro, que é a gran necesidade da vila, e ademais activaremos un ambicioso proxecto de humanización que pechará o círculo da reforma urbana da Chan".
O proxecto de acondicionamento da Chan, que supón a terceira fase da reforma urbana deste núcleo, consistirá na humanización da Praza da Chan, da travesía do concello e da contorna da capela de San Roque coa creación de espazos de preferencia peonil e a mellora da imaxe e da estética, especialmente na contorna do templo relixioso, así como coa citada creación do aparcadoiro.