Empezan as obras para mellorar a contorna da capela de Baltar
Por Redacción
A contorna da capela de Baltar, en Sanxenxo, está a vivir uns días de intensa actividade. Esta semana comezaron as obras de acondicionamento contratadas polo Concello co obxectivo de dotar á zona dun espazo público ben acondicionado.
Segundo informou o Concello, a actuación adxudicouse á empresa Construción Fernández 2015 por un importe de 59.000 euros e consistirá na creación dunha praza pública e unha zona verde unificando un único espazo. Suporá "unha importante modernización” da contorna desta capela.
No marco deste mesmo proxecto tamén se realizará a instalación de mobiliario urbano e iluminación e pintaranse a capela e o centro de transformación existente no lugar.
A execución do proxecto comezou co levantado dos solados existentes, formado por baldosas de cemento e terrazo, así como a limpeza e retirada de maleza. Como seguinte paso, encherase e farase unha nivelación do terreo con zahorra compactada.
Ademais, colocarase lastra de formigón, banzos de pedra e instalaranse canaletas para a recollida de pluviais. Os farois serán de catro metros de altura e haberá uns bancos de pedra con madeira e aceiro, papeleiras e árbores.