O PSOE cuestiona a viabilidade do convenio do polígono de Nantes: "de novo é papel mollado"
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE de Sanxenxo cuestiona a viabilidade do convenio presentado polo Concello á Xunta de Compensación do polígono de Nantes e avanza ao goberno local que fiscalizará todas as accións que proxectan.
En opinión da secretaria xeral do PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, "existen bases suficientes" para considerar que este convenio "de novo, é papel mollado" e que presenta unhas accións que non vai poder realizar en base á legalidade vixente.
No caso de que o goberno local persista en seguir adiante coas accións proxectadas, o PSOE vaticina que "sumirá de novo ao Concello de Sanxenxo en litixios que pagaremos entre toda a veciñanza, como nos ten afeitos".
Os socialistas consideran que hai dous aspectos "de difícil realización". O primeiro deles é conseguir, no tempo proposto, que Augas de Galicia rectifique un informe no que xa se pronunciou de forma desfavirable no pasado para conectar coa EDAR de Dena, pois está saturada. Segundo ese documento, só sería viable unha conexión do polígono se a EDAR de Dena se ampliara.
O segundo punto para o que ve complicacións é saber se existe un informe técnico que aprobe e regule a recadación das achegas que deben facer cada propietario. O PSOE anuncia que solicitará por rexistro o informe técnico que lle dá o visto e prace.
Ainhoa Fervenza ponse a disposición de todos os afectados para informar sobre as dúbidas que xera o convenio e opina que o PP xa perdeu o seu prestixio como xestor eficiente pola "desidia" demostrada en todos estes anos, coa que, na súa opinión, impediu a creación de novas empresas que xerasen postos de traballo.