A Xunta contesta aos veciños de Vilaboa: as ordes de derrubamento están xustificadas
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio respondeu, a través dun comunicado, aos veciños de Vilaboa que se concentraban nas últimas horas ante a delegación da Xunta de Pontevedra en protesta polas ordes de derriba de inmobles e reclamando a axilización dos trámites para aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Segundo a Xunta de Galicia, os expedientes abertos de reposición de legalidade urbanística que están a tramitarse no concello de Vilaboa atópanse axustados estritamente á legalidade urbanística en vigor facendo referencia á lexislación autonómica como municipal.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) continuará coa execución das derribas porque entende que a solicitude de paralización destas intervencións "carece de fundamento legal".
Neste sentido, Medio Ambiente lembra que a tramitación dun expediente de reposición da legalidade non se atopa afectada polos procedementos de modificación ou de aprobación do plan que se desenvolvan nos concellos. Desta forma, os cambios eventuais que se produzan no PXOM só serán atendidos unha vez que entre en vigor o novo plan e tras comprobar se o contido afecta a algún dos procedementos en curso. Vilaboa leva máis de 12 anos de tramitación do PXOM.
A APLU ten previsto impoñer multas e executar as demolicións previstas se os propietarios non as acometen pola súa conta. Na actualidade, en Vilaboa hai 30 expedientes de reposición da legalidade urbanística abertos, 16 correspóndense con construcións en solo rústico mentres que o resto se atopan en zona de servidume de protección e, por tanto, dependen da normativa de costas do Estado.
Desde a Xunta sinalan que non todas as ordes de derriba afectan a residencias habituais senón que algunhas son segundas residencias, estruturas abandonadas e ampliacións de naves industriais.
A APLU engade que a cifra de expedientes tramitados en Vilaboa é "absolutamente normal" e que porcentualmente non chama a atención estas intervencións ao tratarse dun territorio que ten parte do seu espazo afectado pola servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
Tamén se refiren a que a Xunta se atopa á espera, desde maio de 2017, de recibir do Concello de Vilaboa o documento do PXOM coas modificacións necesarias, reclamadas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para que se aprobe definitivamente.
Relacionadas:
-
Xunta e Concello reúnense para sentar as bases da solución que garanta a aprobación parcial do PXOM
Por Redacción |
-
Reclaman ante a Xunta axilidade na tramitación do PXOM de Vilaboa
Por Redacción |
-
Veciños de Vilaboa reclaman a aprobación do PXOM
Por Redacción |
-
Os afectados polo PXOM de Vilaboa esixen ao Concello e á Xunta "que non demoren máis a tramitación"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP rexeita no Parlamento a paralización do derrubo de vivendas esixida polo seu grupo municipal en Vilaboa
Por Oskar Viéitez |