Este mes comezará a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asinaron este xoves a acta de replanteo para o inicio das obras da primeira fase do proxecto de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo. Deste xeito, cumpriuse co derradeiro trámite administrativo deste importante investimento e agora iniciaranse as obras ao longo do presente mes.
Esta primeira fase, cuxos prazos foron abordados recentemente por Jorge Cubela e José Balseiros coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha xuntanza de traballo mantida en Carballedo, ten un orzamento de 353.000 euros.
Consistirá no acondicionamento integral da cuberta de todo o inmoble e dos espazos comúns destas instalacións e na restauración completa de dúas das casas que conforman a edificación co obxectivo de adicalas aos colectivos con maiores dificultades de acceso á vivenda.
Por outra banda, durante esta visita técnica tamén se comentaron certos aspectos da segunda fase, que terá un custo de máis de 700.000 euros e permitirá completar a rehabilitación de todo o complexo coa restauración das oito vivendas restantes.
"As xestións realizadas coa consellería e co IGVS van moi ben encamiñadas e cremos que haberá importantes novidades nun prazo moi curto de tempo para que se rehabiliten todas as vivendas", explicou Cubela, que admitiu que a consecución deste novo investimento "está moi avanzada".