Cuntis, Caldas e Portas ofrecen a segunda edición do programa 'Máis Emprego'
Por Redacción
'Máis Emprego II' é un programa de integración laboral subvencionado pola Xunta de Galicia a través da consellería de Economía, Emprego e Industria que vai desenvolverse na agrupación de concellos formada por Cuntis, Portas e Caldas de Reis co obxectivo de que logren traballo persoas desempregadas residentes nestes municipios.
A duración do programa é de 12 meses e aténdese ata un total de 85 participantes remitidos polo Servizo Público de Emprego e clasificados en tres colectivos: menores de 30 anos de baixa cualificación, menores de 30 e maiores de 45 anos.
A inserción laboral prevista sitúase no 36,67%, que equivale a 31 participantes do total. O programa contempla unha serie de actividades que combinan distintas accións coa intención de capacitar profesionalmente aos participantes e poder aumentar as opcións de que sexan incorporados ao mercado laboral. A organización realiza un seguimento das persoas que forman parte do proxecto.
A idea que move esta iniciativa é que as empresas consigan persoal cualificado para a realización de distintos traballos.
A presentación de 'Máis Emprego II' será este venres 9 ás 12.00 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, situada na Praza das Árbores, en Cuntis.