A de Benito Corbal será unha intervención "lixeira": custará 218.000 euros
Por Alejandro Espiño
Unha intervención "lixeira" na que "non imos desmontar todo" senón tan só ampliar as beirarrúas. Así describiu o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o proxecto de reforma urbana da rúa Benito Corbal, entre Cobián Areal e Sagasta.
O Concello investirá 218.000 euros nesta obra, que terá un prazo de execución de catro meses. Permitirá, explicou o edil do BNG, mellorar a calidade de vida dos veciños da zona e a mobilidade tanto dos peóns como dos vehículos privados.
Benito Corbal, entende Gómez Junquera, é unha zona "conflitiva" da cidade, pois nela conviven " moitos intereses". Por iso é polo que o goberno municipal entenda que é "imprescindible" ampliar os espazos para os peóns e, a partir dese punto, reordenar o resto da rúa para os coches.
Así, os vehículos quedarán "confinados" nun único carril que terá 3,20 metros de ancho. As beirarrúas pasarán a medir 4 metros cada unha e terán a mesma estética que as actuais.
Os 51 aparcadoiros que hai na rúa quedarán reducidos á metade, segundo Demetrio Gómez, e limitados á beira dereita da circulación. Serán todos, en principio, estacionamentos reservados para servizos.
Tamén se reasfaltará todo o carril de circulación, desaparecerán todas as acacias ao lado esquerdo da rúa -para permitir o paso de desfiles- e colocaranse reductores de velocidade en todos os pasos de peóns. O cruzamento entre Benito Corbal, Blanco Porto e Javier Puig converterase, ademais, nunha plataforma elevada.
"O que gañamos é un aumento de espazos para a circulación peonil e para os servizos, afondando no noso obxectivo de crear unha cidade moi dinámica", resumiu o concelleiro de Obras.
O proxecto será presentado esta tarde aos comerciantes da zona que, na medida do posible, poderán realizar as súas propias achegas.
Relacionadas:
-
Benito Corbal estará completamente reformada nun prazo de catro meses
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma do último tramo de Benito Corbal interesa a 22 empresas
Por Alejandro Espiño |
-
Aprobada a contratación das obras para o tramo non peonil de Benito Corbal
Por Redacción |
-
Benito Corbal terá beirarrúas máis anchas e menos aparcamentos libres
Por Alejandro Espiño |