Acepta dous anos de cárcere por abusar da filla menor da súa parella
Por Oskar Viéitez
A Audiencia de Pontevedra condenou a dous anos de cárcere a un home por abusar sexualmente da filla menor de idade da súa compañeira sentimental.
A Sección Segunda atopábase en servizos mínimos durante esta segunda xornada de folga indefinida da xustiza en Galicia o que posibilitou que se puidese pechar un acordo de conformidade en despacho.
Así, a Fiscalía rebaixou a súa petición inicial de cinco anos tendo en conta o recoñecemento dos feitos e a concorrencia dunha atenuante moi cualificada de drogadicción.
O acusado confesou que se meteu na cama da filla da súa parella sentimental e fíxolle tocamentos. O caso procede do Xulgado número 3 de Vilagarcía.
As psicólogas do IMELGA recomendaran que a declaración da nena en xuízo realizárase con medidas necesarias impedindo o contacto visual e persoal co denunciado. Con todo este xoves coincidiron nos corredores da audiencia o acusado e a menor.
SUSPENDIDO OUTRO XUÍZO POR ABUSOS
Tamén na audiencia provincial pontevedresa, estaba sinalado un segundo xuízo por abusos, pero neste caso as partes non alcanzaron un acordo e expresaron a súa vontade de seguir coa vista oral.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sentará no banco un home acusado de abusar dunha nena menor de idade no baño dun bar o 25 de maio de 2017.
O escrito de acusación relata que este home entrou no baño de mulleres e deulle bicos na boca á nena e tocoulle a cadeira. Logo díxolle que non dixese nada a ninguén que con el "ía ter futuro" e deulle unha pequena cantidade de diñeiro. A Fiscalía pide que sexa condenado a catro anos de cárcere.