O adianto do mercadiño ao venres por unha proba deportiva desata as iras dos ambulantes
Por Redacción
O cambio do mercadiño para o venres, ao celebrarse o vindeiro sábado 27 de abril unha proba deportiva en Pontevedra, indignou aos vendedores ambulantes. A Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos cualificou este adianto de "irregular e inxusto" e pedirán unha reunión co alcalde de Pontevedra para pedirlles "que se nos respete un sitio fixo para poder traballar en condicións".
A asociación que preside Jesús Romeu Alvite recorda que na ordenanza reguladora da venda ambulante en Pontevedra recoñécese o adianto só cando os días sinalados coincidan en festivo. Por iso, denuncian que "pódese considerar unha ilegalidade que se nos cambie o día, simplemente por culpa dunha proba deportiva que podería transcurrir por un millón de sitios alternativos".
Nun comunicado de prensa, este colectivo cualifica de "boutades modernas", o feito de que o Concello de Pontevedra "aparten os que traballan para que pasen os que corren" e chega a sinalalo como un acto "asqueroso e antisocial", ao non ter en conta, din, "que detrás de cada posto ambulante está unha familia".
Ademais, sinalan que cada titular do mercadiño ten unha autorización municipal para poder exercer o seu traballo, que pagan as taxas de ocupación de vía pública "e no que vai de ano xa suspenderon tres mercadiños por culpa do mal tempo e aínda non se nos devolveu nin un pataco das taxas que xa que tiñamos pagadas" e que ese día ao que queren adiantalo "temos feira noutros concellos e temos pagadas as taxas"".
Por iso é polo que reiteren que pedirán a Miguel Fernández Lores negociar un sitio fixo para este mercadiño ambulante, "sen ter que sufrir esas burlas de ter que apartarnos cando alguen sufre un capricho". Neste sentido, aseguran añorar a súa anterior ubicación na Praza de Barcelos, onde nunca foi suspendido "e ao sacarnos dese sitio perdemos ese dereito e quedamos na man desta xente tan pouco sensible e irrespetuosa con quen quere traballar".