Educación agarda completar esta semana a distribución dos novos portátiles
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, agarda completar esta semana a distribución dos novos portátiles nos 154 centros E-Dixgal (libro dixital) de toda Galicia.
O titular da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto á directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, visitou este mércores o IES Mestre Landín de Marín, un dos centros que xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles que se van repartir en toda a comunidade.
Na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4.982 segundo datos da Xunta.
O pasado ano, entre e setembro e novembro, impartíronse máis de 20 cursos formativos, nos que participaron 430 profesores; e tamén se puxo en marcha un plan de formación específico sobre E-Dixgal. Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do profesorado con este proxecto.
O conselleiro lembrou que a aposta polo uso da "mochila dixital", un equipo que acompaña ao rapaz en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, enmárcase na estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020.
Román Rodriguez valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso independentemente da situación socioeconómica do alumno.
Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que neste 2018 activarase o servizo de soporte premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
O novo servizo premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.