A tripulación pontevedresa do "Moflete" é rescatada antes de naufragar no Caribe
Por Oskar Viéitez
A tripulación pontevedresa do "Moflete" atópase sa e salva despois de ser rescatada por outra embarcación antes de naufragar.
Na súa viaxe desde Combarro cara a Australia este veleiro sufriu un contratempo de xarcia con arranque de cuberta cando se atopaban a 800 millas da illa de Martinica. Nun principio tentaron chegar a porto navegando a motor pero non tiñan gasoil suficiente.
Finalmente, despois de dous días bastante duros, abandonaron o barco e foron rescatados por outra embarcación. O "Moflete" acabou afundindo no mar Caribe.
Era un veleiro, modelo Vauquiez Centurión 47, de 14,30 metros de eslora, 4,77 de manga, cun pau de 17 metros e matrícula belga.
Partiron do porto de Combarro o sábado 4 de novembro e na súa singradura cara a Australia o "Moflete" xa sufrira outros contratempos, entre os máis rechamantes, a 250 millas de Canarias chocaron contra "algo", especúlase con que podería ser unha balea. Noutra ocasión un dos tripulantes rompeu un nocello na paradisíaca illa de Cabo Verde.
A bordo do "Moflete" viaxaban inicialmente catro tripulantes que se marcaron o reto de chegar a Australia co seu veleiro de 14 metros. Os irmáns Antonio e Francisco Díaz Lorente (Tucho e Paco), Miguel Molina García e Xoán Campos formaron o equipo inicial da expedición.