Arranca a terceira edición da "facultade da compostaxe" para seleccionar 25 novos mestres composteiros
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a terceira edición da "Facultade da Compostaxe" para seleccionar 25 novos mestres composteiros do Plan Revitaliza de compostaxe. Deste xeito, segundo explicou este martes o vicepresidente César Mosquera, o staff do programa provincial pasará a ter 65 persoas, a estrutura necesaria para satisfacer as necesidades de atención dos 36 concellos adheridos na provincia.
O prazo para presentarse ao proceso de selección comeza a contar este martes e finaliza o vindeiro xoves día 15. A dotación económica de cada unha das bolsas ascenderá aos 1.400 euros ao mes e, como novidade, a duración das bolsas será de un ano dende a incorporación das persoas beneficiarias, prorrogables outro ano ata unha duración máxima de dous anos.
Mosquera sinalou que nos 36 os concellos adheridos ao Plan Revitaliza hai instalados 403 módulos en 58 centros de compostaxe comunitaria, o que equivale a cubrir unha poboación dunhas 15.000 persoas.
Destacou que esta cifra que se multiplicará nos vindeiros meses coa aplicación da compostaxe de xeito extensivo nos seis concellos máis adiantados (Vilaboa, Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e O Grove) e co reparto dos novos centros comunitarios (400 UMD) e individuais (1.500) xa anunciados para os restantes municipios.
O vicepresidente tamén explicou que as aportacións de residuos orgánicos aos centros de compostaxe comunitaria por parte da veciñanza están a subir de xeito xeralizado en todos os concellos, "incluso en Monte Porreiro". Se nun principio se prevía que cada unidade modular tratase entre 1,5 e 2 toneladas de orgánico ao ano, na realidade estanse acadando as cinco e as sete toneladas tratadas se se inclúe o tratamento do estruturante.
Con cifras concretas relativas a Pontevedra, Mosquera explicou que hai 92 unidades modulares de compostaxe (5 composteiros en Príncipe Felipe, 3 en Monte Porreiro, 2 no campus, un en Campañó e outro na Brilat) que cubren unha poboación de 3.700 persoas e tratan arredor de 720 toneladas de orgánicos ao ano, das que se obteñen uns 70 quilos de compost peneirado.
"Esta cifra supón da orde do 4,52% dos residuos orgánicos totais do concello que non se envían a incinerar", explicou.
O técnico de residuos Carlos Pérez indicou, neste sentido, que os datos aportados de baixada de envíos a Sogama están contrastados tanto por Ferrovial (a empresa de recollida) como pola propia planta incineradora. "No 2016 e no 2017 hai un efecto incipiente do Plan Revitaliza que fai que a tendencia a subir a cantidade de residuos que se envían do restos dos concellos baixe en Pontevedra, o que nos fai ver que estamos na ruta correcta. E son datos contrastables polo emisor e o receptor", apuntou.
Outro dos puntos tratados na reunión deste martes foi o nivel de calidade do compost producido nos 58 centros de compostaxe comunitaria que a Deputación ten instalados na provincia. O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, explicou que se están a realizar analíticas periódicas dos diferentes lotes mediante laboratorios independentes con resultados "cum laude".
Relacionadas:
-
Un convenio para involucrar a todos os colexios e institutos da provincia na compostaxe
Por Diego Espiño |
-
Dúas empresas catalanas, dúas madrileñas e unha navarra optan a subministrar os composteiros da Deputación
Por Redacción |
-
Os "amigos do estructurante" piden un aplauso para Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
Novo impulso á compostaxe en Vilaboa para situarse á vangarda europea en xestión de residuos
Por Diego Espiño |
-
Que fai unha mestra metida nun composteiro? Velaquí a resposta
Por Noticia patrocinada |
-
"Compostar é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico"
Por Noticia patrocinada |