Denuncian a aparición dun lobo morto a tiros nun monte de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Apenas unha semana despois volveu ocorrer: un lobo apareceu morto a tiros nun monte da comarca. Primeiro foi en Barro e agora en Cerdedo-Cotobade. Colectivos ecoloxistas xa denunciaron o caso ante a Garda Civil e esixen unha investigación sobre o sucedido.
Nesta ocasión o animal morto estaba na Serra do Cando, nun lugar próximo á aldea de Cima de Vila. Foi localizado por membros da Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico (ASCEL), que conduciron a axentes do Seprona ante o cadáver para que levantaran acta sobre o estado no que se atopaba o lobo.
Unha vez tomada acta avisouse a Medio Ambiente da Xunta para que procedera a súa recollida, custodia e estudio mediante necropsia.
Nunha primeira valoración, os expertos apreciaron un orificio de entrada de bala con outro de saída moi próximo ao corazón. Trátase dun macho novo duns 8 meses, de tamaño destacable, que debeu recorrer unha distancia duns 300 metros antes de xacer no punto atopado.
O lobo, que parecía estar en moi boas condicións e en perfecto estado sanitario, puido morrer segundo as estimación iniciais cara o xoves ou venres da semana pasada.
ASCEL, xunto coas asociacións Adega e GEAS, consideran que se trata dun feito "grave" que non supón un incidente "illado". Recordan que en setembro de 2013 xa apareceu un lobo colgado nun sinal do parque eólico desa serra e no 2015 un grupo con cinco cachorros foi perseguido durante unha batida de xabaril descoñecéndose o desenlace.
Este lugar, apuntan estes tres colectivos, está dentro da Rede Natura 2000 e é necesaria máis vixilancia durante a tempada de caza, "ante episodios de caza ilegal nesta zona asentados nunha total impunidade".
A administración está a actuar dunha maneira "moi permisiva" ante esta "persecución ilegal" que sofre o lobo "e que pouco ou nada se fai para que se sancionen como actividades delituosas que son". De aí que pidan que a Xunta actúe con "determinación e contundencia" para acabar con estas prácticas furtivas.