Lores responde ao PP sobre o pagamento dos aperitivos nun congreso da CIG
Por Diego Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, saíu ao paso este martes da denuncia efectuada polo Partido Popular sobre o pago dos aperitivos nun congreso do sindicato CIG realizado na cidade.
Para Lores, trátase dunha práctica habitual á hora da organización de congresos, xa que os responsables dos mesmos adoitan tramitar diferentes peticións de colaboración. "Non facemos diferenza de ningún tipo" segundo o organizador, asegura.
"Nós ao longo destes 18 anos fixemos pinchos de todo tipo", explicou con naturalidade o rexedor sinalando que outras peticións adoitan ser comidas, facerse cargo da tradución dos relatores ou mesmo agasallos para os asistentes.
"Forma parte do agasallo ou protocolo do Concello nestes casos", defendeu Fernández Lores.
O Partido Popular, que preguntará por este asunto no próximo pleno municipal, previsto para o vindeiro venres 9 de febreiro, denuncia unha factura en cuestión que ascende a 1.859 euros.
O alcalde de Pontevedra compareceu ante os medios de comunicación para explicar precisamente os asuntos que se debaterán no pleno da corporación, na que o BNG defenderá unha moción sobre a petición á Xunta de medidas de seguridade viaria en Ponte Sampaio; o PP propoñerá o debate sobre a prisión permanente revisable, a mellora do pavillón de Monte Porreiro e sobre a posibilidade de habilitar un novo parque canino na cidade; o PSOE defenderá a igualdade efectiva entre homes e mulleres na contratación pública e a mellora do servizo de tren e dos usuarios de bicicletas que usan en ferrocarril; Marea centrará as súas propostas en dúas mocións sobre o IBI; e Cidadáns levará a debate o 'parkour'.
Ademais someterase a aprobación inicial a nova ordenanza de terrazas e veladores.