O primeiro mes será de balde nas novas pistas municipais de padel do Monte da Vila
Por Redacción
O Concello do Grove pon a disposición dos veciños as novas pistas de padel municipais. As tres pistas poderán empregarse en horario de 9.00 a 22.30 horas de luns a domingo e, neste primeiro mes de uso, tan só será necesario inscribirse para no teléfono 607540506. A atención aos usuarios nese teléfono será de 9.30 a 21.00 horas.
A boa acollida que están tendo estas novas instalacións deportivas queda constatada con alto nivel de demanda que xa se está rexistrando nese número de teléfono con reservas que ocupan a totalidade das franxas horarias (mañá e tarde).
O Concello está poñendo en marcha a contratación dos monitores que se encargarán de xestionar este espazo e lembra que o seu uso pasará a ter un custo de 10 euros por hora e media o que as convirte nas máis baratas da zona.
O Concello tamén valora moi positivamente a boa aceptación das instalacións polos afeccionados e profesionais deste deporte que incidiron na calidade das instalacións.