Un congreso aborda en Pontevedra o día a día xudicial das persoas con discapacidade
Por Natalia Puga
A asociación In-xurga (Xuristas Galegos pola Inclusión) elixiu o Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar o primeiro Congreso Xurídico sobre os dereitos das persoas con discapacidade e dependencia, que durante os próximos días 21 e 22 de febreiro abordará os problemas cos que se atopan os avogados e outros profesionais do ámbito xudicial cando traballan con persoas con discapacidade nos xulgados.
Baixo o título 'Posta en valor da intervención do letrad@ en materia de discapacidade e dependencia', o congreso abordará cuestións de actualidade como a falta de orzamentos no ámbito xudicial que motivan que en moitas sedes xudiciais non exista accesibilidade plena para as persoas con discapacidade, tanto para os que acoden a traballar como os que o fan como usuarios.
A concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Anxos Riveiro, presentou este luns o congreso acompañada pola presidenta e a vicepresidenta de In-xurga, Ana María Castro e Dorinda Franco e destacou que se trata dunha actividade que ten interese social non só entre as persoas con discapacidade senón para o conxunto da poboación. Así, ten un público potencial claro en avogados e outros trabajdores da Xustiza, pero tamén vai dirixido a estudantes e está aberto ao público en xeral.
O congreso será, segundo explicaron, fundamentalmente práctico e analizará o acceso á xustiza das persoas con discapacidade desde distintas perspectivas cun programa que inclúe 20 relatores e 20 horas de actividade.
Como ven a situación avogados que teñen fillos con discapacidade, a realidade da falta de visibilidade da muller con discapacidade na xustiza, os problemas de accesibilidade e falta de medios ou experiencias reais de persoas que adoptaron a nivel internacional a nenos con discapacidade. Son algúns dos asuntos para abordar no congreso. O programa pode consultarse aquí.
O congreso reunirá a relatores de toda Galicia e tamén doutras partes do Estado porque ten a intención de que os profesionais conozcon como se fan as cousas na comunidade e tamén fóra.
As persoas asistentes terán créditos universitarios válidos por participación. Quen desexe participar no congreso teñen que remitir unha mensaxe juristasinclusivas.congreso@gmail.com ou ben a in.xurga@gmail.com achegando o formulario de inscrición cumprimentado que se pode descargar no web.