Arxentina apresa un pesqueiro de Marín por faenar "ilegalmente"
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Ministerio de Seguridade de Arxentina informou que o pesqueiro de Marín "Playa Pesmar Uno" foi apresado por faenar "ilegalmente".
Estas mesmas fontes aseguran que o buque levaba nas súas adegas 320 toneladas de pezas frescas de pescada, abadexo, lura e raia, "avaliadas nunha suma millonaria". O pesqueiro partira de Montevideo, a capital de Uruguay, o pasado 11 de xaneiro.
O "Playa Pesmar Uno", pertencente á empresa Pesquerías Marinenses SA (Grupo Pesmar), é un buque de 63 metros de eslora e 12,50 de manga, que levaba 34 tripulantes a bordo no momento de ser apresado na Zona Económica Exclusiva Arxentina polo gardacostas GC 27 Fique, nas inmediacións de Comodoro Rivadavia.
Nun comunicado de prensa, a Prefectura Naval Arxentina explica que o buque marinense foi interceptado polo gardacostas GC 27 Fique que estableceu comunicacións por radio co capitán do pesqueiro co obxecto de que a embarcación detivese a súa marcha, acorde ás normas internacionais.
O capitán do buque acatou a orde de prefectura de deter navegación e non levantar a rede de pesca que tiña despregada no mar, mentres o Fique achegábase ao pesqueiro.
Daquela unha dotación arxentina abordou o pesqueiro xunto a persoal da Agrupación Albatros e un inspector da Dirección Nacional de Pesca para realizar un control do peixe fresco capturado e determinar a cantidade de carga que levaba.
"Coas forzas federais traballamos para protexer os recursos que son de todos os arxentinos", asegurou no comunicado de Prefectura, a ministra de Seguridade, Patricia Bullrich.
A ministra anunciou que "imos seguir fortalecendo a nosa presenza nas augas para brindar seguridade e para garantir o cumprimento da lei".
"EN TODO MOMENTO" FÓRA DE ARXENTINA, SEGUNDO O CAPITÁN
O capital do Playa Pescamar Uno, con todo, asegura que o barco estivo fóra de augas arxentinas "en todo momento". Así o trasladou o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Javier Touza, tras falar coa empresa.
Os seus 34 tripulantes, na súa maioría mariñeiros galegos, están "en bo estado", segundo Touza, aínda que sobre eles pesa a "inquietude e incerteza" sobre a súa situación.
En todo caso, o presidente dos armadores vigueses reclama a "presunción de inocencia" para o barco, xa que o capitán mantén que se atopaban preto das illas Malvinas pero en augas internacionais, un punto onde se concentran "uns 400 buques".
Na zona, explicou Javier Touza, hai unha "gran tensión" polo que as autoridades arxentinas realizan un seguimento "moi próximo" para evitar que ningún barco, na súa maioría de orixe asiática, entre nas súas augas.
A caixa azul do barco será "clave" para resolver este caso. Trátase dun sistema que vía satélite monitora a posición do buque de maneira constante. Ademais, o armador destacou a colaboración mostrada polos tripulantes do Playa Pescamar Uno, que cumpriron con todas as instrucións dadas polas autoridades arxentinas.