A conta solidaria aberta en Ponte Caldelas tras os incendios recadou 16.000 euros
Por Redacción
A falta de só uns días para que peche a conta solidaria habilitada en Ponte Caldelas a beneficio de Cáritas tras os incendios forestais do pasado mes de outubro, a iniciativa recadou 16.380,25 euros.
Así o desvelou o Concello de Ponte Caldelas, impulsor da proposta coa que se pretende axudar ás persoas que resultaron afectadas.
Agora será unha comisión, creada para ese efecto e sen presenza política, a que estableza como efectuar a repartición. Esta comisión estará encabezada polo presidente de Cáritas e contará co administrador desta organización, a arquitecta municipal e persoal dos servizos sociais.
Nos próximos días elaborarase un baremo de puntuación no que se terá en conta a situación social, o importe dos danos e tamén as circunstancias humanas dos solicitantes. Barállase a idea, sempre que sexa posible, de repoñer os bens danados, evitando a repartición directa de diñeiro, explicou o goberno local.
En relación aos incendios, o Concello revelou ademais que 113 persoas e colectivos pasaron por dependencias municipais para acollerse ás axudas da Xunta de Galicia para os damnificados polos incendios, aínda que menos dunha vintena chegaron a presentar unha solicitude formal debido ao complicado dunha convocatoria "pensada para que os interesados acabaran desistindo", asegura o alcalde, Andrés Díaz.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas dá por pechada a campaña solidaria en beneficio dos afectados polos incendios
Por Redacción |
-
Balance positivo do tratamento con palla e centeo do solo incendiado en Ponte Caldelas
Por Gabriela Varela Asorey |
-
A solidariedade permite a unha familia de Parada afectada polos incendios restaurar a súa casa
Por Redacción |
-
Un colexio de Madrid fai unha doazón de 1.678 euros para os afectados polos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Recadan máis de oito mil euros para os afectados polos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |