O Pleno de Cuntis aproba ceder á Xunta a selección de aspirantes á Policía Local
Por Redacción
A corporación municipal de Cuntis aprobou na última sesión do pleno a cesión de competencias no que se refire á selección de novas prazas para a súa Policía Local.
O Concello delega así as competencias na administración autonómica en conformidade co establecido no decreto 115/2017 do 17 de novembro.
En concreto regularanse deste xeito centralizado os procesos selectivos que se abran para as diferentes categorías de corpo da Policía Local, as prazas de auxiliares de Policía ou as prazas de vixiantes municipais.
O goberno local de Cuntis ten previsto a creación dunha praza de axente da Policía Local e a incorporación de auxiliares durante os meses de maior afluencia turística, é dicir, entre xullo e setembro.
No pleno municipal a corporación aprobou ademais a toma de posesión como concelleiro do BNG de Diego Torres Iglesias.