Marín saca a concurso a explotación do bar de Portocelo por un canon mínimo de 245 euros ao mes
Por Redacción
A actual concesionaria do bar e restaurante da praia de Portocelo renunciou a seguir co servizo a uns meses de que remate o contrato, de modo que o Concello de Marín puxo en marcha a maquinaria para proceder a unha nova contratación. A Xunta de Goberno local aceptou a renuncia da actual concesionaria, resolveu o contrato e axilizará o novo contrato para telo "á maior brevidade".
O Concello sacará a licitación a explotación das instalacións como un contrato administrativo especial coa finalidade de proporcionar un servizo aos veciños de Marín e visitantes que gozan desta praia, a máis próxima ao casco urbano de Marín.
A duración deste contrato administrativo especial será de dous anos, prorrogable por anualidades ata dous anos máis.
A superficie do local é de 299,88 metros cadrados e as instalacións foron obxecto de obras recentemente. Rehabilitouse o equipamento municipal para servicio público de hostelería.
Os criterios de adxudicación serán a oferta económica do canon e a presentación dunha memoria do servicio a prestar. O canon mínimo será de 245,45 euros mensuais máis o IVE.
Dentro das obrigas do contratista figura que a instalación terá que estar aberta ao público durante prácticamente todo o ano, sendo obrigatorio os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.