Barro pon en marcha un novo ciclo de asembleas parroquiais
Por Oskar Viéitez
Os membros do goberno local de Barro, co seu alcalde á fronte, teñen previsto celebrar asembleas informativas en todas as parroquias do concello coa intención de "seguir cumprindo co compromiso de transparencia e de dar participación aos veciños e veciñas na xestión municipal".
Estas asembleas darán comezo este venres na parroquia de Curro e rematarán o sábado día 10 na de Barro.
Ademais de facer balance da xestión municipal e expoñer as liñas básicas de traballo para o presente ano, os veciños poderán facer propostas e suxestións de cara ao futuro ou pedir información sobre todo aquilo que sexa do seu interese.
Aproveitarase tamén nestas asembleas para presentar o estudo encargado polo goberno municipal para o saneamento integral do concello e informar sobre a revisión catastral aprobada polo Ministerio de Facenda.
Para o goberno municipal é "fundamental" este tipo de actos onde se ten un contacto directo coa veciñanza e se escoitan de forma colectiva todas as súas opinións.