Os comuneiros de Barbudo avisan a Movistar: se non arranxan a liña quitarán as antenas
Por Oskar Viéitez
Desde o pasado día 15 de outubro a poboación de Barbudo está sen servizo de teléfono fixo. Os incendios forestais que arrasaron boa parte dos montes desta parroquia de Ponte Caldelas levaron por diante os postes e o cableado da empresa Telefónica.
Pasados xa tres meses e mediom os afectados esixen que se repoña a liña e a devolución de todas as cotas que tiveron que seguir abonando sen ter o servizo.
A mancomunidade de montes veciñais de Barbudo emitiu un comunicado no que asegura que "Movistar ninguneou, maltratou e reportou incidencias separadas do que pasaba, xa que asegura non ter constancia de que é unha zona afectada polo lume".
Lembran que entre os clientes que se quedaron sen comunicación telefónica hai persoas de avanzada idade.
Finalmente avisan que no seu monte comunal están as antenas de repetición de Movistar e que "está a piques de caducarlles a cesión das mesmas", polo que advirten que "tomaremos as medidas oportunas xa que os nosos comuneiros esíxennolo, xa que esta empresa non cumpre co contrato que ten cos mesmos".