O cambio de horario dos plenos na Lama terá que agardar
Por Redacción
A falta de maioría suficiente no pleno celebrado o día 31 de xaneiro impediu ao grupo de goberno aprobar o cambio de horario dos plenos da corporación que pasarían de celebrarse pola noite ao mediodía, tal e como propoñía o alcalde Jorge Canda.
O portavoz do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, defendeu manter o horario dos plenos bimensuales a partir das 21.00 horas co fin de favorecer a asistencia dos concelleiros, por motivos laborais, argumento compartido polo edil de Cidadáns, Andrés Cal.
Pola contra o rexidor manifestou que serían máis operativos ao mediodía xa que con anterioridade demostrouse que celebrar un pleno os mércores ás 21.00 horas non conseguía incrementar a presenza de máis público ao acto.
O feito de que a concelleira do Partido Popular, Geni Ramallo Freijeiro, presentara a súa renuncia á súa acta como edil, por motivos laborais, e a súa non asistencia ao pleno fixo que se producira un empate con 5 votos a favor da proposta (PP) e outros 5 en contra (4 do PSdeG-PSOE e 1 de Cidadáns). A renuncia de Jorge Canda da súa prerrogativa como alcalde para desfacer o empate impediu que esta saíra adiante en primeira intancia.
Desta maneira a proposta quedou adiada a un posterior debate nun novo pleno cando o grupo popular conte con todos os seus membros e Blanca María Pacheco Moreira, que ocupaba o 8º lugar na lista do PPdeG ocupe a vacante deixada por Geni Ramallo.
No capítulo de rogos e preguntas, o edil de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, solicitou ao alcalde a realización unha bolsa de contratación con empresas locais para ejecutar traballos de obra menor ou intervencións de urxencia coa intención de dedicar os recursos municipais a empresas radicadas na Lama.
Finalmente, o concelleiro de Cidadáns preguntou pola data do inicio dos traballos de mellora da PO-235, máis coñecida como a estrada de Seixido na súa primeira fase ao que o alcalde respondeulle que, ao parecer, a intención da empresa adxudicataria é comezar coas obras a principios do mes de marzo.
Relacionadas:
-
PSOE e Cidadáns 'plantan' a Canda pola súa proposta para cambiar a hora dos plenos
Por Redacción | Creada e actualizada