Unha orde de desafiuzamento aboca o histórico bar Americano a un peche inminente
Por Natalia Puga & Ramiro Espiño
O histórico bar Americano de Pontevedra pechará as súas portas de forma inminente despois de 91 anos aberto ao público na praza de San José. Os responsables do negocio víronse abocados a tomar a decisión como consecuencia dunha orde de desafiuzamento ditada o pasado mes de novembro pola Audiencia Provincial de Pontevedra.
O local, situado no baixo do número 1 da praza de San José, abriu no ano 1927 e, tras uns poucos meses a cargo dun propietario diferente, pasou a mans da familia que o rexentou ata a actualidade. O edificio pertence na actualidade aos irmáns López Mayán e desde o 25 de xullo de 1981 tíñanllo arrendado á nai do hostaleiro que na actualidade rexenta o negocio, José Eugenio Guimeráns.
A sentenza, á que tivo acceso PontevedraViva, acorda o desafiuzamento dos inquilinos baseándose nunha falta de pagamento de cinco anos dos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI), entre 2010 e 2014. A reclamación remóntase xa ao verán de 2015, pero non houbo resolución definitiva ata o 9 de novembro de 2017, transcorrendo tres anos de batalla xudicial nos que eses recibos pendentes si chegaron a pagarse, pero a demanda seguiu adiante.
Os propietarios chegaron a reclamar aos inquilinos o IBI dos catro anos anteriores, entre 2006 e 2009, pero finalmente a demanda circunscribiuse ao período 2010-2014, pois é o correspondente aos cinco anos anteriores á reclamación.
A sentenza baséase nunha falta de pagamento de cinco anos dos recibos do IBI, 926,53 euros entre 2010 e 2014
En concreto, os propietarios reclamaban aos inquilinos 926,53 euros impagados dos cinco recibos do IBI que o Concello de Pontevedra pasoulles a eles, pero o arrendador non lles pagou. Tras a demanda, nun primeiro momento, os responsables do Americano pagaron os 537,40 euros correspondentes a 2010-2012 e nunha segunda fase abonaron os 389,20 euros restantes que quedaban pendentes.
A reclamación chegou aos xulgados en 2017 e os responsables do histórico bar, un dos máis antigos da cidade, gañaron unha demanda ante o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra en marzo, pero os propietarios recorreron ante a Audiencia Provincial e finalmente o tribunal deulles a razón.
Entre outros argumentos, os inquilinos opoñíanse á petición de desafiuzamento realizada polos propietarios apelando que a reclamación dos cinco recibos pendentes non se realizou en tempo e forma e que pedir que deixasen o local por esa falta de pagamentos do IBI era algo "desproporcionado" e unha "actuación sorpresiva". En primeira instancia gañaron por unha cuestión procesual, de modo que o xuíz non chegou a analizar os seus argumentos. Na Audiencia si se analizaron eses argumentos e o tribunal descartounos.
A sentenza da Sección Terceira da Audiencia saca á luz, ademais, que os problemas entre inquilinos e propietarios xa veñen de atrás, pois xa no ano 1998 existiu unha primeira demanda de desafiuzamento e existían desavinzas sobre unha pretensión de actualización da renda.
O fallo obrigaba aos responsables do Americano para deixalo baleiro nun prazo de 20 días desde a notificación da resolución. Advertía, ademais, do risco de ser desaloxados se non o facían. Finalmente, o peche atrasouse, segundo puido saber este xornal, froito dun acordo entre os responsables do negocio e os donos do local. Tiñan posibilidade dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero rexeitárono e acatarán a sentenza.