Cuntis reordenará a Praza da Constitución para facela máis accesible
Por Redacción
O goberno municipal de Cuntis xa ten listo un proxecto para reordenar un dos principais espazos públicos da vila, a Praza da Constitución. Os traballos, que executarán os operarios do propio Concello, teñen a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.
O proxecto propón adecuar todo este espazo para facelo máis accesible e confortable para as persoas, restrinxindo totalmente o paso dos vehículos.
Así, pavimentarase a zona con xabre-cemento, instalando unha condución e unha serie de sumidoiros que permitan drenar a superficie e manter o pavimento en condicións óptimas.
Ademais, acotaranse as zonas axardinadas cun bordo de pedra ou madeira para conseguir unha mellor integración do pavimento co resto de elementos.
Tamén se solucionarán as deficiencias no alumeado público, con liñas soterradas en mal estado e luminarias que non funcionan, e renovaranse os servizos de electricidade e saneamento.
Neste sentido, instalaranse novas conducións eléctricas onde sexa preciso e dotarase á zona de novas luminarias de tecnoloxía LED que proporcionen un confort lumínico axeitado.
Por último, preténdese restrinxir totalmente o paso de tráfico rodado polo parque, para o que se instalarán elementos de pedra e bolardos extraíbles que delimiten todo o espazo e impidan o acceso dos vehículos.