O PSOE pide ao alcalde que solucione a situación de "crispación interna" de Protección Civil
Por Redacción
O malestar que se vive dentro da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Pontevedra chegou aos membros da corporación municipal. O voceiro do PSOE, Tino Fernández, faise eco das mesmas críticas publicadas nos últimos días por PontevedraViva e anuncia que pedirá ao alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, que se implique e axude a buscar solucións a esta situación.
Tino Fernández asegura que os socialistas están "preocupados" ante esta situación de "irregularidade" e de "crispación interna" que denunciou un grupo de voluntarios críticos coa xestión do actual presidente, Hermenegildo Novoa, pois Protección Civil é unha agrupación "moi importante para o concello".
"Sen a súa colaboración dificilmente poderían levarse a cabo algúns dos eventos que poñen a nosa cidade no mapa", recorda Tino Fernández, que defende que Protección Civil "vén funcionando ben" e Pontevedra "non se pode permitir o luxo" de perder ou debilitar un recurso fundamental para atender moitas das necesidades que se xeran cos eventos que se programan na cidade.
A preocupación dos socialistas medra ante o feito de que un grupo de voluntarios reclamou por escrito unha reunión coa concelleira responsable de seguridade, Carme da Silva, o pasado 2 de xaneiro e aínda non tiveron resposta. En opinión de Tino Fernández, "isto é indicativo do nivel de deterioro deste goberno" local de Pontevedra, pois ante un tema desta importancia, "ninguén se molesta xa non en contestar senón en preguntar para coñecer o que está pasando".
Os socialistas preguntarán pola situación da agrupación de Protección Civil na comisión correspondente e ironizan con que confían en que para entón xa lle chegara o escrito ao alcalde. Demandel de Lores, en concreto,"maior implicación, cando menos para coñecer o que está a pasar e tentar de buscar unha solución".