Buscan crear "refuxios" para poder aleitar os nenos pequeños na cidade
Por Alejandro Espiño
Crear unha rede de establecementos que teñan as portas abertas para recibir a pais e nais que precisen alimentar os seus bebés. Con ese obxectivo nace Espazo Crianza, unha iniciativa da asociación Teta Meiga que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, a través das concellerías de Promoción económica e de Igualdade.
Espazo Crianza busca, segundo as súas impulsoras, que a cidadanía se achegue "de xeito natural" á lactancia dos máis pequenos. Vanesa García e Cristina Fariñas, responsables de Teta Meiga, sinalaron que moita xente "aínda te mira raro" cando as mulleres se deteñen para amamantar os seus fillos. "E moitas veces non temos onde facelo", engaden.
Ambas aseguraron que este proxecto encaixa "perfectamente" no modelo urbano de Pontevedra, ao "integrar" os nenos no día a día da cidade e permitir que as nais se sintan "cómodas e arroupadas" cando precisen aleitar os nenos en momentos puntuais da súa vida cotiá e non teñan tempo de volver a casa para facelo.
Así, esta iniciativa busca a "complicidade" do comercio local creando "refuxios" para que as nais -e tamén os pais no caso dos biberóns- poidan dar de comer os seus fillos. Só piden que se habiliten cadeiras dentro das tendas que poidan ser utilizadas para este propósito.
Para participar, os comerciantes tan só terán que cubrir unha ficha de inscrición e encher unha folla de compromiso, revogable en calquera momento, que se debe entregar persoalmente na Casa da Luz ou a través do correo electrónico tetameiga@gmail.com.
Todos os establecementos estarán identificados por unha pegatina, deseñada por Leandro Lamas, e o seu nome formará parte dun mapa que estará dispoñible a través das redes sociais e das novas tecnoloxías para que, en todo momento, as nais e pais saiban a onde se poden dirixir para alimentar os seus nenos e nenas.