O centro da ONCE en Pontevedra celebra 75 anos sendo referente de formación de estudantes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Máis de 14.000 estudantes pasaron polo centro educativo da ONCE en Pontevedra durante 75 anos, desde que naceu en 1943 como o Colexio Número 2 da Organización Nacional de Cegos, que pasou a denominarse colexio Santiago Apóstolo e xa nos anos 80 converterse en Centro de Recursos Educativos (CRE).
Con eses datos, o director do centro José Ángel Abraldes presentaba os actos de celebración deste 75 aniversario lembrando que o colexio naceu debido á inquedanza dos cegos galegos e aos problemas que, a mediados do século XX, existían para trasladarse desde Galicia a Madrid.
Na actualidade, o centro conta con 500 estudantes de media cada curso. Segundo expuxo Abraldes, un de cada sete alumnos que se formaron nestas aulas completa os seus estudos na universidade e o fracaso escolar é só do 9%, por baixo da media. O director afirmaba que numerosos estudantes especializánse en Fisioterapia, realizando despois a súa actividade profesional en diferentes puntos de Galicia e tamén do resto do Estado.
"Este centro tiene algo especial", indicaba Abraldes ao sinalar que todos os estudantes que pasaron polas instalacións gardan un gran recordo tanto deste espazo como da cidade de Pontevedra. Por iso as actividades para esta conmemoración levarán o lema "orgullosos do noso pasado, comprometidos polo noso presente e ilusionados co futuro".
Este xoves 1 de febreiro comezará a programación do aniversario nas instalacións do CRE cunha actividade multisensorial en relación co mundo da camelia para despois, en colaboración co CIFP Carlos Oroza, servir unha comida na que os participantes degustarán os pratos cos ollos vendados e, desta forma, reflexionarán sobre esta experiencia que lles achega á vida diaria dos invidentes.
O 9 de febreiro, o Sexto Edificio do Museo acollerá unha exposición itinerante do Museo Tiflológico da ONCE. Baixo o título de "Ver e tocar", os visitantes poderán apreciar diferentes traballos creativos. Entre eles atópanse dúas obras de antigos estudantes moi significativas para a dirección do centro. Tamén se desenvolverá un ciclo de conferencias e unha semana de portas abertas entre o 12 e o 16 de marzo, con visitas de escolares dos centros de diferentes puntos de Pontevedra.
En maio, a Casa da Luz acollerá unha experiencia de libros humanos coa denominación "Con luz propia" e celebrarase un encontro técnico-educativo con profesionais que impartirán seminarios temáticos.
Pero o gran acto previsto dentro deste aniversario chegará o 23 de maio co encontro de ex alumnos, familiares, ex traballadores e todas aquelas persoas que estiveron e están vinculadas ao centro. Abraldes comentou que é posible que o artista Serafín Zubiri, se non ten un compromiso artístico, achéguese a Pontevedra con motivo deste simbólico acto.
O director do CRE fixo un chamamento para que Pontevedra siga sendo exemplar en materia de accesibilidade para as persoas invidentes pero apuntou que nos últimos tempos "nos hemos quedado un poquito atrás". Neste sentido lembrou que para un cego cruzar unha rúa sen que o semáfono dispoña dun dispositivo sonoro é un perigo vital. "Da mucho miedo", indicou reclamando a mellora dos espazos públicos para persoas con dificultades de visión.
Relacionadas:
-
Preto de 600 persoas asisten ao 75 aniversario do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra
Por Redacción |
-
A ONCE prepara o acto central do 75 aniversario do Centro de Recursos Educativos de Pontevedra
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Semana de portas abertas no centro de recursos educativos da ONCE
Por María López Verdial |
-
Ver e tocar a Alhambra ou o Taj Mahal sen saír do Museo de Pontevedra
Por Redacción & Gabriela Varela Asorey |
-
Coñecidas personalidades pontevedresas aprenden a non comer cos ollos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O PP carga contra o goberno local pola renuncia da ONCE a construír o novo Centro de Recursos Educativos
Por Redacción |
-
A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción |
-
A arte pode verse coas mans na mostra inaugurada en Caldas
Por Redacción |
-
RADIO.- Abre os oídos e ve a playlist de José Ángel Abraldes
Por Marisa Ciordia |