A fábrica de Ence en Pontevedra volve mellorar os seus resultados ambientais en 2017
Por Redacción
Durante 2017, a fábrica de Ence en Pontevedra "volveu mellorar un ano máis os seus resultados ambientais". Segundo informou a empresa nun comunicado, todos os parámetros que caracterizan o efluente da planta melloraron os seus resultados, entre os que cabe destacar a redución nun 13% da DQO (demanda química de ssíxeno) -principal medida da calidade do efluente-, que se situou en 3,65 quilogramos/tonelada.
Neste comunicado a empresa de celulosa subliña que este dato revela que a planta de Lourizán mellora nun 48% o límite marcado pola súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), que o sitúa en 7 quilogramo/tonelada, así como a normativa europea BREF de mellores prácticas ambientais do sector, que establece un rango de 7 a 20 quilogramo/tonelada para as mellores fábricas do sector da celulosa.
Doutra banda, Ence quere destacar que a fábrica de Pontevedra logrou reducir o caudal do seu efluente nun 10%, que quedou situado en 28,9 metros cúbicos/tonelada, un 22% por baixo do límite máximo marcado pola AAI da instalación.
Así mesmo, os sólidos en suspensión, outro dos indicadores máis importantes do comportamento ambiental da factoría, reducíronse nun 19% durante 2017 ao quedar reducidos a 0,44 quilogramo/tonelada e situáronse un 76% por baixo do máximo permitido pola AAI.
Dende a empresa pasteira sinalan que os indicadores ambientais do centro de operacións de Ence en Pontevedra sitúan á factoría "á vangarda mundial do seu sector en desempeño ambiental".
Finalmente lembran que "calquera cidadán pode seguir día a día os resultados da xestión ambiental de Ence Pontevedra a través da súa páxina web" dentro da súa "aposta pola transparencia total".