A Xunta empeza a entregar os portátiles aos institutos a metade de curso
Por Oskar Viéitez
As clases comezaron en setembro pero, con sorte, será o próximo mes de febreiro cando a Xunta entregue aos alumnos dos institutos Sánchez Cantón, Valle-Inclán e A Xunqueira II de Pontevedra os computadores portátiles que lles permite incorporarse ao proxecto E-Dixgal, unha iniciativa que leva á aula unha contorna virtual de aprendizaxe que permite a profesorado e alumnado acceder a contidos dixitais.
Mentres tanto os rapaces tampouco teñen libros de texto convencionais para desenvolver boa parte das materias do curso.
A Consellería de Educación empezou a entregar este material educativo a algúns centros da comarca pero os alumnos da capital aínda están a esperar.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación son as responsables dela entrega destes ultraportátiles aos centros educativos que usan o libro dixital.
Segundo informou a Xunta de Galicia, a renovación dos equipos informáticos continuará de forma progresiva ata finais de xaneiro, cando se completará coa entrega de máis de 13.000 ultraportátiles para o alumnado e 2.000 portátiles para o profesorado.
Os novos equipos do alumnado poden ser empregados como portátil ou como tableta, son táctiles e levan integrados aplicacións educativas agrupadas por categorías como táboas periódicas, editores de moléculas, dicionarios e aplicacións de circuítos electrónicos, entre outros.
En canto aos contidos a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor, ademais de Netex e Edebé, de contidos dixitais para as materias de 5º de Educación Primaria ata 2º de ESO.