Noventa candidatos optan a cubrir unha soa praza na Policía Local de Poio
Por Redacción
Un total de 90 candidatos dispútanse a partir deste martes 30 de xaneiro un só posto de traballo. Son as persoas cuxas solicitudes foron aceptadas no proceso selectivo para optar a unha praza de Policía Local en Poio.
Segundo informou a Policía Local de Poio, presentáronse 101 instancias, das que finalmente saíron 90 candidatas. Este martes realizarase o primeiro exame do proceso selectivo.
A Policía Local de Poio ten na actualidade sete xentes de policía, un axente en comisión de servizo temporal procedente doutro concello e un inspector xefe. Dado que estes efectivos resultan insuficientes para cubrir a realidade dos servizos actuais, o goberno optou por cubrir as prazas vacantes.
A ratio recomendada pola Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia e de 1.8 policías por cada 1.000 habitantes, pero no Concello de Poio a ratio é de 0.5. Ademais desta praza para a que comeza o proceso este martes, quedan outras dúas máis pendentes de cubrir para achegarse a eses parámetros.
A plantilla actual realizou durante o ano 2017 un total de 1.600 informes e campañas de prevención da seguridade. Realizaron actuacións relacionadas con averiguacións de domicilio, denuncias administrativas a propietarios de animais, denuncias por medio ambiente, tráfico, accidentes de circulación, comparecencias de particulares, obras sen licenza, incendios, mediacións en conflitos privados, precintos, autorizacións de vía pública, servizos humanitarios, formación en educación vial e seguridade para maiores e cativos e operativos de tráfico, festas e deportes.