O 'buzón cidadán' recibe nove queixas por espazos públicos nos seus primeiros días
Por Alejandro Espiño
O apartado que a web municipal dedica desde hai uns días para que os cidadáns poidan informar de danos nos espazos públicos funciona xa a pleno rendemento. Presentáronse xa un total de nove queixas, segundo informaron fontes municipais.
Todas elas serán trasladadas ao servizo correspondente e avaliadas polos técnicos do Concello nos próximos días.
Así, o primeiro destes avisos foi o dun particular que informaba da existencia de laxas en mal estado diante do antigo edificio de Maxisterio, na avenida de Buenos Aires.
Ademais, pediron un espello no cruzamento entre a rúa da Torre con Fernando Asorey para mellorar a visibilidade. Nese ámbito tamén solicitaron melloras na iluminación e na pavimentación, do mesmo xeito que no túnel baixo a N-550 do campus a Fernando Asorey.
Estas primeiras queixas incluíron tamén peticións para mellorar a pavimentación na rotonda de Eduardo Pondal ou que se resolvan os problemas de iluminación na avenida de Lugo e na ponte da Barca.
Houbo outros tres avisos que, segundo o goberno municipal, non estaban dentro da zona urbana ou que non eran do contrato de obras ou da brigada de parques e xardíns.
Algunhas das peticións trasladadas polos cidadáns, segundo o Concello, xa estaban "en carteira" dos servizos técnicos. O resto serán analizadas para ver se se poden asumir con cargo ao actual contrato de mantemento -asinado para pequenas reparacións urbanas- ou ben se sería necesario acometer unha actuación específica ou de maior envergadura.