Incautados 38 quilos de heroína a traficantes búlgaros na comarca de Arousa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes da Udyco (Unidade de Drogas e Crime Organizado) do corpo nacional de Policía detiveron este domingo varias persoas na comarca de Arousa no marco dunha operación contra o narcotráfico.
Segundo informaron testemuñas presenciais unha ducia de axentes, de paisano e uniformados, interviñeron ao redor das dúas da tarde no aparcadoiro dun coñecido restaurante situado na recta de Rubiáns, na estrada N-640, en Vilagarcía de Arousa.
A punta de pistola interceptaron tres individuos, dous homes e unha muller, que acababan de aparcar o seu vehículo e que inmediatamente foron reducidos e esposados. Os detidos foron trasladados en coches policiais.
Un pouco máis tarde, nas proximidades da vía rápida que une Vilagarcía con Cambados, era detido outro individuo despois de que varios vehículos policiais lle cortasen o paso nunha estrada secundaria de Renza.
En total foron detidas seis persoas, cinco delas de nacionalidade búlgara e un cidadán galego residente en Bélxica, no marco deste operativo contra o tráfico de drogas no que se incautaron polo momento 38 quilos de heroína.
Este comiso é un dos maiores alixos de heroína dos últimos anos que alcanzaría os cinco millóns de euros no mercado negro unha vez distribuída en pequenas doses.
O operativo está dirixido pola Audiencia Nacional contra as mafias do leste de Europa que controlan o negocio da heroína procedente de Afganistán, segundo confirmou este luns polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.
No marco do dispositivo, os axentes da Policía Nacional levaron a cabo varios rexistros na zona de Vilagarcía de Arousa e incautáronse os dous vehículos nos que se trasladaban os detidos que previsiblemente pasarán este martes a disposición xudicial.