Gañemos Vilanova pídelle ao alcalde Gonzalo Durán que se rebaixe o salario un 60%
Por Redacción
A "moi complicada" situación económica do Concello de Vilanova de Arousa motiva á formación Gañemos Vilanova a presentar unha moción coa que se pretende reducir en 140.000 euros parte do custo que ten o grupo de goberno ás arcas municipais.
Argumentan que a "nula capacidade de xestión" do alcalde Gonzalo Durán e do seu equipo levou a este concello a "aparecer en todos os ránkings como un dos máis endebedados, tanto a nivel autonómico como estatal". Esta situación "sófrena todos os vilanoveses con recortes sistemáticos de servizos e subida progresiva de impostos".
Gañemos Vilanova asegura que "o Partido Popular pídelle ese esforzo a outros mentres eles miran para outro lado, xa que nesta lexislatura aumentouse a partida para liberacións e cargos de confianza en máis de 60.000 euros".
Unha desas medidas que piden afecta directamente o soldo do alcalde ao que lle emprazan a reducir un 60% o seu salario actual, e tamén expoñen redución para os outros tres edís liberados, Javier Tourís, Nuria Morgade e Ana Carballa, "con esta medida o grupo de goberno pasaría a cobrar ou que cobra un vilanovés medio".
Outra das propostas para reducir a carga que soportan as arcas municipais é a eliminación dos cargos de xefe de gabinete e xefe de prensa.