O PSOE reclama seguridade na ponte colgante de Tenorio e no paso elevado da N-541
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista no Concello de Cerdedo-Cotobade vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno local na que reclama seguridade na ponte colgante de Tenorio.
Esta ponte colgante está situada a escasos 500 metros da praia fluvial de Calvelo e xuntos forman un entorno moi frecuentado polos veciños na época estival. Esta ponte une Calvelo e A Retorta e ten aproximadamente 30 metros.
Os socialistas sinalan que, a día de hoxe, a pasarela está formada por tablóns de madeira "que son totalmente resbaladizos e perigosos e entendemos que o Concello ten que buscar outra alternativa pola perigosidade que produce tal situación".
O PSOE recolle así as queixas veciñais por esta situación e pídelle ao goberno local que estude as melloras precisas para que a pasarela da ponte colgante de Calvelo sexa segura a hora de camiñar pola mesma.
Polos mesmos motivos, tamén solicitarán que o Concello solicite o organismo competente o mantemento e arranxo do paso elevado sito na N-541 ao seu paso por Tenorio para que o tránsito sexa o máis seguro posible.