Visto para sentenza o xuízo contra un pontevedrés acusado de abusar da súa veciña de 15 anos
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza un xuízo celebrado a porta pechada contra un pontevedrés acusado de abusar sexualmente dunha menor de 15 anos que vivía no seu mesmo edificio.
O xuízo celebrouse este xoves a pesar de que había folga entre os traballadores do sector da xustiza. A prensa non puido estar presente para garantir a intimidade da vítima, pero, ao seu remate, fontes xudiciais confirmaron que a vista oral terminou e tan só queda que o tribunal provincial dite sentenza.
O fiscal elevou a definitivas as conclusións provisionais previas, que atribúen ao acusado un delito continuado de abuso sexual a menor de 16 anos con penetración e piden que sexa condenado a 11 anos de prisión e á pena de prohibición de aproximarse a unha distancia de 500 metros á menor e comunicarse con ela por calquera medio durante seis anos máis. Non deberá indemnizala porque a nai da moza renunciou a reclamar unha indemnización por estes feitos.
Os feitos ocorreron no ano 2015 nun municipio da comarca do Salnés que non se especifica para garantir a intimidade da menor. O procesado estableceu amizade coa nai e os irmáns da menor, que vivían no mesmo edificio, e moitas tardes convidáballes á súa casa para tomar un café, xeados ou con calquera outro pretexto. Xa a partir de xuño de 2015, cando a presunta vítima a súa irmá de 13 anos terminaron as clases, pasaban case todas as tardes no domicilio del.
Aproveitándose da idade da menor e da relación de confianza xerada, o fiscal sostén que abusou dela e fíxoo durante case todos os días entre finais de xuño e o 15 de xullo. Levábaa o seu dormitorio e, con intención de satisfacer os seus desexos sexuais, quitáballe a roupa ou lle pedía que lla quitase.
Ela primeiro mostráballe a súa oposición para espirse, pero logo accedía e, a continuación, el tocáballe coas mans todo o corpo espido e despois e, sen usar ningún método anticonceptivo, mantiña relacións sexuais con ela.