Denuncian polo menos dous roubos na última semana en casas de Ponte Sampaio
Por Natalia Puga
Veciños da parroquia de Ponte Sampaio denunciaron na última semana na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra que sufriron roubos con forza na súa vivenda. En concreto, formalizáronse dúas denuncias o sábado 20 e o mércores 24, pero hai constancia de polo menos un intento máis.
Fontes veciñais indicaron que hai constancia de polo menos tres roubos, pero fontes oficiais da Comisaría informaron de que tan só hai dúas denuncias presentadas. Non se descarta que nos próximos días poidan recibirse.
O primeiro dos roubos denunciados produciuse o sábado 20 de xaneiro. Os propietarios estiveron varias horas fóra de casa e, cando chegaron, sobre as oito da tarde, atopáronse con que alguén forzara as xanelas e o interior da vivenda estaba revolto.
Unha vez revisada toda a casa, constataron que, tras forzar a xanela, levaron xoias e unha cantidade de diñeiro que rolda os 500 euros.
O segundo incidente, non denunciado, produciuse o martes 23. Fontes consultadas indicaron que nesta casa o roubo quedou nun intento non consumado.
O terceiro dos roubos, tamén denunciado ante a Policía Nacional, produciuse na tarde do martes 23. Os donos, do mesmo xeito que ocorreu na casa do sábado, estiveron ausentes entre as 16.30 e as 20.45 horas e, cando chegaron, atoparon o interior revolto. Alguén entrara tras forzar a xanela e notaron que lle faltaban xoias. Ao día seguinte formalizaron a denuncia.
A Policía Nacional acudiu ás vivendas afectadas e axentes da Policía Científica realizaron unha inspección das mesmas para recoller probas que permitan a investigación dos delitos.