O PP acusa ao goberno local de "esconder" os datos sobre os residuos que envía a Sogama
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, denunciou este mércores que o goberno local continúa "ocultando" ao PP a cantidade de residuos que o Concello de Pontevedra remite a Sogama, datos que foron solicitados o pasado mes de outubro e aos que "tres meses despois seguimos sen ter acceso", lamentou.
"O feito de que o Concello estea a tapar estes datos deixaba intuír que non debían ser moi bos para o goberno de Lores", lembrou o portavoz dos populares que ante o silencio dos nacionalistas "viuse obrigado" a solicitar esta información a través do Parlamento de Galicia.
Deste xeito, no mes de novembro, os populares puideron avanzar que "o Concello de Pontevedra non só non reducira o envío de residuos a Sogama, senón que incluso a cantidade incrementouse durante varios meses nos últimos dous anos".
Concretamente, e poñendo como referencia os nove primeiros meses do ano, o Concello de Pontevedra enviou 45 toneladas de residuos orgánicos máis en 2017 que no mesmo período do ano anterior, 2016; e 394,94 toneladas máis que no mesmo período do ano 2015.
Ante esta situación, os populares cuestionan as afirmacións realizadas o martes polo concelleiro nacionalista e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nas que aseguraba que Pontevedra reduciu un 5% os residuos que traslada á planta de Cerceda. "Pois de ser certos, non terían inconveniente en trasladarnos os datos solicitados", argumentou Jacobo Moreira.
Ante a "opacidade" amosada polo goberno local con respecto aos datos que lle solicita o grupo popular, o portavoz dos populares volveu a solicitar a través do Parlamento de Galicia esta información a "ano pechado".
"Ata o mes de setembro os datos reflectían todo o contrario ao que onte afirmaba Mosquera; se a tendencia nos tres meses seguintes foi a mesma, a información aportada polo edil nacionalista sería unha gran mentira", concluíu Jacobo Moreira.