Máis de 115.000 persoas aloxáronse na cidade durante 2017
Por Diego Espiño
O ano 2017 pechouse con cifras de récord a nivel turístico na cidade de Pontevedra, en toda a provincia e en Galicia, onde por primeira vez superáronse os 5 millóns de visitantes.
Son datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística sobre as pernoitas en hoteis e pensións da comunidade e que foron presentados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
En canto á capital provincial, sumados os datos do mes de decembro, rexistrouse un incremento do 26,9% no número de viaxeiros e dun 28,3% no número de noites pernoitadas. Desta forma durante 2017 máis de 115.000 persoas aloxáronse en establecementos hostaleiros da cidade pasando máis de 227.000 noites entre todos eles.
"Sumamos cinco anos consecutivos de crecemento", sinalou Nava Castro en relación aos datos autonómicos, destacando o avance na desestacionalización xa que os maiores incrementos porcentuais déronse por esta orde en novembro, decembro e outubro.
Pola súa banda a provincia de Pontevedra tamén viviu un ano de récord incrementando un 13% o número de viaxeiros ata os máis de 1,4 millóns de persoas con preto de 3,4 millóns de pernoitas.
A estes datos sumaranse nuns días os rexistros doutros sectores como o aloxamento rural, acampada ou autocaravanas.
A directora de Turismo de Galicia expresou a súa satisfacción polos rexistros alcanzados e sinalou que "2018 será clave para consolidar este crecemento".