Ponte Caldelas financia dous cursos para atopar emprego e para obter o título da ESO
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas puxo este luns en marcha dúas iniciativas formadoras que teñen en común a iniciativa municipal para mellorar a empregabilidade da súa veciñanza. No primeiro caso trátase dun curso para traballadores no subsector da montaxe de estruturas metálicas, con garantía de contratación para as persoas que o superen. No segundo, dun curso para obtención do título da ESO.
O goberno local tripartito está comprometido no apoio e acompañamento á veciñanza para buscar e atopar traballo e así, ao longo do ano organiza diferentes actividades. Tamén reforzou a colaboración coa fundación de Formación de Galicia, Forga, coa que desenvolve iniciativas conxuntas con regularidade.
O alcalde, Andrés Díaz, foi o encargado de inaugurar os dous cursos e animou a todos os participantes a esforzarse ao máximo para tirar o máximo partido deles. Destacou que o Concello corre co 70% do custo do curso de habilitación para traballar na montaxe de estruturas metálicas e co 100% do curso de ESO, un título que, á súa vez, constitúe a porta para moitos cursos de capacitación profesional.
O Concello de Ponte Caldelas colabora coa empresa viguesa Metal Works and Structures para formar futuros traballadores no eido da construción metálica. Un total de 14 persoas inscribíronse finalmente nesta actividade innovadora, na que o sector público e o privado colaboran co obxectivo de pelexar contra o desemprego. A empresa garante a inserción laboral dun mínimo dun 50% delas e mesmo podería chegar á totalidade. A formación está a cargo da empresa especializada neste eido Formasolga e cubre un amplo abano de habilidades necesarias.
Por outra banda, o curso da ESO consiste en catro meses de clases que chegarán ata as datas do exame oficial, programado para o próximo mes de maio. Un total de 10 persoas anotáronse durante o prazo habilitado.
O alcalde subliñou que en anos anteriores varias persoas que no seu día tiñan abandonado os estudos conseguiron acceder á titulación gracias a esta iniciativa municipal, polo que se comprometeu a mantela no futuro.