Libros desaparecidos e urnas rotas, balance do proxecto ' Follas ao aire' para o PSOE
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE de Cerdedo-Cotobade denuncia a situación na que se atopa o proxecto 'Follas ao aire' que o Concello puxo en marcha no ano 2016, pois a día de hoxe "a maioría dos libros están desaparecidos e as urnas rotas".
Os socialistas comprobaron esta situación na carballeira do San Xusto, en Monte Coirego ou na praia fluvial de Carballedo e manifestan o seu malestar porque o alcalde, Jorge Cubela, presentou o proxecto como unha iniciativa para fomentar a lectura e cultivar o turismo e o ocio, pero "rematou por ser unha métafora do seu propio nome 'follas ao aire' para expresar que os libros es as propias urnas tamén voaron".
O proxecto presentouse como a biblioteca máis grande de España e consistía en colocar urnas de plástico en diferentes lugares (montes, áreas recreativas, parques públicos, etc) con libros dentro -un exemplar por cada recipiente-. Estivo subvencionado con cargo ao 'Roteiro das Letras' da Secretaría Xeral de Política Linguistíca da Xunta por un importe de 1.300 euros.
En opinión da portavoz socialista, Lina Garrido, este tipo de proxectos o único que pon de manisfesto é "unha vez máis" o "despilfarro que se está a acometer por parte dun Concello que a través da fusión acadou un elevado orzamento".
Os socialistas consideran que "sería moito máis importante" dinamizar as nosas bibliotecas, dotalas de exemplares e non por en marcha proxectos totalmente surrealistas porque de todos é sabido que ninguén vai ir ler un libro ó alto do monte Coirego nin a Carballeira do San Xusto, e de ser así o levarían da casa.
Ademais, os socialistas ruegan que se retiren as urnas rotas e baleiras "pola imaxe que están a dar".