Sanxenxo saca a concurso o servizo de comunicación municipal
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo acaba de sacar a concurso a contratación dun novo servizo e telefonía fixa, móbil, datos e acceso a internet, tanto para o Concello como para Terra, así como a subministración do cableado estruturado e electrónica de rede en dependencias municipais.
Actualmente é necesaria unha renovación para a actualización e posta en marcha de todos os elementos que constitúen os servizos de telecomunicacións garantindo a súa plena operatividade e funcionamento.
A intención do goberno con esta licitación é lograr un mellor funcionamento da rede de comunicación municipal, facilitando a intercomunicación entre os distintos servizos, mellorando a atención ao cidadán e controlando e reducindo o gasto de telefonía e internet.
Actualmente Sanxenxo conta cun total de 82 liñas entre as temporais e as permanentes, con 36 liñas de voz, 25 correspondentes a ligazóns GSM de centrais, 21 de contratación temporal (en tempada estival) e 7 que incorporan algún tipo de servizo de datos.
O valor estimado do contrato ascende a 264.000 euros, por un período de catro anos.
Unha vez publicada a licitación no Diario Oficial da Unión Europea establécese un prazo de 40 días para a presentación de propostas. Ademais, a licitación publicarase tamén nos distintos boletíns oficiais e no perfil do contratante do Concello de Sanxenxo, con 15 días de antelación á data de finalización do prazo de 40 días.