A Lanzada, primeiro destino da ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas"
Por Redacción
Coñecer a riqueza ornitolóxica das Rías Baixas. É o obxectivo do programa Voando nas Rías Baixas, que comezou este domingo cunha ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove. Unha chuvia miúda acompañou ás trinta persoas que participaron na iniciativa.
Este complexo, situado na comarca do Salnés, está considerado o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola sorprendente cantidade.
Nesta zona invernan preto de 18.000 aves que pasan os meses de frío ou están de tránsito na provincia.
Así, pódense atopar dende cullereiros ata gaivotas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, mobellas, pentumeiros ou corvos mariños, que dende o norte de Europa desprázanse a esta reserva para aproveitar a súa riqueza
A ruta, na que participaron o alcalde do Grove, José Cacabelos, e a deputada Chelo Besada, estivo guiada por especialistas de SEO BIRDLIFE que facilitaron ás persoas participantes material para poder avistar as diferentes aves que se foron atopando polo camiño.
Esta campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo, xa que se trata dunha oportunidade de diversificar e desestacionalizar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibiliza á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.