Ponte Caldelas homenaxea os "rescatadores" do edil accidentado na Lama
Por Redacción
Os sete veciños da Lama que, o pasado 7 de xaneiro, participaron no rescate do concelleiro José Manuel Martínez despois de que este sufrira un accidente de tráfico, foron homenaxeados polo Concello de Ponte Caldelas.
Un sinxelo acto, que consistiu unha conversa, un repaso aos feitos e a entrega da insignia co escudo de Ponte Caldelas, serviu para que o goberno municipal agradecera a súa "decisiva" colaboración no rescate do edil, quen a estas horas se recupera satisfactoriamente no hospital Montecelo dun sinistro que estivo a piques de custarlle a vida.
Germán Piñeiro Teodosio, Manuel Castro Vázquez, Iván Serantes Puente, Manuel López Alfaya, Jesús Piñón Adán e José Casal Piay recibiron o agradecemento en primeira persoa do alcalde, Andrés Díaz, e do tenente de alcalde Alfonso Gutiérrez, compañeiro na formación AVP de José Manuel Martínez.
Tan só faltou á cita, por motivos laborais, Gonzalo Ferreirós, a quen o alcalde xa localizou para expresarlle tamén o seu recoñecemento.
"Isto é un acto humano, máis que un acto institucional", subliñou o alcalde nunha xuntanza presidida pola emoción e polo relato descarnado das circunstancias nas que se produciu a busca do accidentado durante a noite do pasado día 7.
A busca comezou ás 21.50 horas e non deu froitos ata case hora e media despois. Revisaron todos os regatos, pois José Manuel fixo unha chamada dende o seu móbil dando ese único dato. "E, peor aínda, máis dunha hora agardando polos bombeiros para o rescate dende unha zona cunha orografía extremadamente complicada", recorda o alcalde.
Andrés Díaz destacou que hai xa tempo que Ponte Caldelas está a pelexar para que se solucionen as lagoas do mapa de emerxencias, cubrindo a zona de sombra nos concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Campolameiro e Fornelos de Montes.
"É algo que non nos afecta só aos veciños destes concellos, senón a calquera, porque todos usamos as estradas e calquera persoa que tivera sufrido o accidente de José Manuel tería pasado polo mesmo calvario, con independencia do seu lugar de residencia", destacou.
O alcalde e o tenente de alcalde destacaron que, afortunadamente, conseguiron atopar ao accidentado a tempo, cando xa tiña serios síntomas de hipotermia. Alí, nunhas circunstancias dramáticas tomaron a decisión valente de sacalo completamente do coche e de colocalo enriba para illalo da auga e tapalo coas súas propias roupas. "Volveu nacer grazas a vós", destacou Díaz.
O alcalde concluíu que a veciñanza de Ponte Caldelas e a de A Lama está irmandada por razóns de proximidade, pero entende que acontecementos como este contribúen a que a irmandade, baseada tamén en lazos de amizade, se estreite moito máis.