Marea pide devolver o cruceiro de San Amaro ao seu lugar orixinal
Por Redacción
O cruceiro de San Amaro debe volver ao seu lugar orixinal. É a petición que realiza Marea Pontevedra, que empraza ao goberno municipal a repoñer esta peza histórica.
Logo dun golpe, o cruceiro foi retirado para a súa restauración o 2 de novembro de 2010 e desde esa data, hai máis dun lustro, o único que permanece no lugar é un fuste partido pola metade.
Marea amosa así a súa preocupación por unha peza sinalada do patrimonio artístico de Pontevedra.
Recordan que o adro da capela de Santo Amaro contaba con este cruceiro que data probablemente do século XVIII. Sobre unha plataforma rectangular, destacaba polo seu capitel e, sobre todo, polas tallas do anverso, un Cristo de excelente factura, e do reverso, unha Virxe das Angustias.
No seu emprazamento, este cruceiro foi lugar tamén de tradicións e debuxouno Castelao no seu estudo As cruces de pedra na Galiza. Ademais, desde 1994 está incluído no catálogo de edificios e elementos "a conservar" aprobado polo Concello.